Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta patrimonio cultural

Festa da lingua. 15 de maio

 Con motivo da celebración do 17 de maio, Día das Letras, o EDLG Trazos organizou varias actividades. A primeira foi unha exposición de material relacionado coas cantareiras e en concreto co concello ou comarca: o Cancioneiro Popular Galego e as súas entradas máis próximas (lugares de Ordes e de Tordoia); os libros relacionados co concello e as súas mencións ás panxolas e ás coplas populares; material discográfico con temas recollidos na zona. O 15 de maio organizamos unha Festa da Lingua, coa actuación como fío condutor de tres actrices no papel da musicóloga Dorothé Schubarth, unha alumna e unha anciá informante. Foron pasando as distintas actuacións en todas as etapas: baile do Xogo da Carrasquiña, baile do Señor da serra, baile e cantareiras coa Xota e muiñeira de Monzo, actuación do grupo de regueifa, un conto tradicional, actuación de cantareiras maiores de Trazo e a interpretación conxunta do tema 'A Sementeira'.  

Proxecto Son do pallote

No marco da celebración do 17 de maio, Día das Letras, encadramos o proxecto Son do pallote .  O CPI Viaño Pequeno quere contribuír a esta tarefa de posta en valor e difusión. Así, o departamento de Música e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega 'Trazos' decidimos poñer en marcha este proxecto Son do pallote, recompilando máis de trescentas coplas populares, recollidas en 2002 polo alumnado de Música de 4º de ESO. Das dez cintas conservadas, nove son voces femininas. Aquí aparece unha selección dos audios de cada cantareira. Estes audios  e os traballos escritos foron entregados ao Museo do Pobo Galego, onde serán accesibles a toda a cidadanía a través do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI).  Está relacionado dos ámbitos de Identidade territorial e Patrimonio cultural. Pódelo consultar neste enlace .

8 marzo, Día da Muller. A miña aldea. Mural e pódcast

 En colaboración co Servizo de Igualdade do concello de Trazo realizouse este curso un novo mural no patio da escola titulado “A miña aldea”. A elaboración correu a cargo de alumnado de distintos grupos do centro, tanto de Ed. Primaria coma da ESO. Previamente o colectivo As Paxaras , formado por Eva Agra e Marina AMR (Festa), desenvolveron varios obradoiros de empoderamento feminino e sensibilización en igualdade.  A obra literaria de Rosalía Morlán, fundamentalmente a poética, foi a base destes obradoiros. Como produto final ideáronse tres marcapáxinas con cadanseu deseño orixinal e poema da autora amais un mural que loce no edificio II de Ed. Primaria.   Esta autora é natural de Vilariño (Trazo) e o concello outorgoulle o título de filla predilecta neste 8 de marzo de 2025. Tamén a ilustradora Eva Agra ten orixe familiar no concello.  Este proxecto ten a ver cos ámbitos de identidade territorial, desenvolvemento sustentable, patrimonio cultural e paisaxe...