Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: maio, 2025

Festa da lingua. 15 de maio

 Con motivo da celebración do 17 de maio, Día das Letras, o EDLG Trazos organizou varias actividades. A primeira foi unha exposición de material relacionado coas cantareiras e en concreto co concello ou comarca: o Cancioneiro Popular Galego e as súas entradas máis próximas (lugares de Ordes e de Tordoia); os libros relacionados co concello e as súas mencións ás panxolas e ás coplas populares; material discográfico con temas recollidos na zona. O 15 de maio organizamos unha Festa da Lingua, coa actuación como fío condutor de tres actrices no papel da musicóloga Dorothé Schubarth, unha alumna e unha anciá informante. Foron pasando as distintas actuacións en todas as etapas: baile do Xogo da Carrasquiña, baile do Señor da serra, baile e cantareiras coa Xota e muiñeira de Monzo, actuación do grupo de regueifa, un conto tradicional, actuación de cantareiras maiores de Trazo e a interpretación conxunta do tema 'A Sementeira'.  

Proxecto Son do pallote

No marco da celebración do 17 de maio, Día das Letras, encadramos o proxecto Son do pallote .  O CPI Viaño Pequeno quere contribuír a esta tarefa de posta en valor e difusión. Así, o departamento de Música e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega 'Trazos' decidimos poñer en marcha este proxecto Son do pallote, recompilando máis de trescentas coplas populares, recollidas en 2002 polo alumnado de Música de 4º de ESO. Das dez cintas conservadas, nove son voces femininas. Aquí aparece unha selección dos audios de cada cantareira. Estes audios  e os traballos escritos foron entregados ao Museo do Pobo Galego, onde serán accesibles a toda a cidadanía a través do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI).  Está relacionado dos ámbitos de Identidade territorial e Patrimonio cultural. Pódelo consultar neste enlace .